COMUNICACIÓN > Noticias > Noticia

12 de maio de 2017

O Goberno de Carmela Silva impulsa un proxecto europeo de innovación na industria naval

En dous anos disporá de 2,5 millóns de euros de fondos FEDER e contará coa participación de Francia, Portugal, Reino Unido e Irlanda

Presidenta

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou hoxe o proxecto "IN 4.0" que pretende impulsar a dinamización e competitividade da industria naval da provincia de Pontevedra transformando o seu tipo de modelo nun negocio 4.0.

Este proxecto, segundo subliñou a presidenta, xa foi aprobado e contará con 2,5 millóns de euros de orzamento, dos cales o 70 % son achegados polos fondos europeos "FEDER Espazo Atlántico". "Trátase dun proxecto que conta con dez socios. Catro son españois, a Deputación de Pontevedra, Asime e Aclunaga, e o único deles non galego, o Foro Marítimo Vasco. Un de Portugal, Forum Océano; dous de Reino Unido, o instituto de investigación de Londres e o Departamento de Arquitectura naval de Glasgow; dous franceses, o clúster do naval da Bretaña e o clúster industrial de Nantes; e un de Irlanda, o instituto de investigación de Cork", subliñou Silva.

Os obxectivos principais que se desenvolveran ao longo dos próximos anos no proxecto son validar os problemas ou barreiras xa identificados que impiden ao sector naval a transformación do seu modelo de negocio en 4.0 e propoñer novas solucións; determinar o grao de maduración das tecnoloxías existentes, susceptibles de ser implantadas nas pemes do sector; transformar os sistemas de organización do traballo, coñecemento e comercialización cara unha industria 4.0; capacitar as e os traballadores do sector naval en novos traballos e tarefas para transitar cara un modelo 4.0; deseño de estratexias innovadoras para economizar custos na implantación de tecnoloxías e detección de novos métodos de comercialización; e, por último, a implementación práctica das innovacións deseñadas non marco do proxecto nas pemes seleccionadas dqs rexións participantes no proxecto.

Carmela Silva destacou que a Deputación leva traballando máis dun ano neste proxecto, que competiu con máis de duascentas propostas "unas candidaturas moi potentes pero das cales ao final so se aprobaron 45, entre as que se encontran o proxecto da Deputación de Pontevedra".

A presidenta da institución provincial mostrouse moi satisfeita por acadar a financiación para este proxecto, xa que para a provincia "a industria naval segue a ser moi importante e pasar dun modelo de negocio antigo ao novo modelo 4.0, máis acorde cos novos retos do sector, é abrir unha porta ao futuro".

Silva tamén considerou moi importante ir da man do propio sector neste proxecto e valorou como moi interesante a colaboración co Clúster Naval Galego e coa Asociación de Empresas Metalúrxicas xunto coa participación de centros de investigación doutros países.

volver