COMUNICACIÓN > Noticias > Noticia

29 de abril de 2018

A Deputación aproba a adxudicación do contrato para a prestación do servizo de soporte técnico do proxecto IN 4.0

O contrato foi adxudicado, por procedemento aberto, á empresa Estrategia y Organización, S. A. por un valor de 74.735,24 euros

Os membros nunha mesa firmando a resolución

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación, por procedemento aberto, do contrato para a prestación do servizo de soporte técnico para a posta en marcha e execución do proxecto IN 4.0 "Adaptation of Industry 4.0 Model to the Naval". Así, o contrato foi adxudicado á empresa Estrategia y Organización, S. A. por un valor de 74.735,24 euros.

Carmela Silva, informou de que "o prazo de execución das tarefas será de 30 meses desde a súa formalización" e lembrou que "o proxecto IN 4.0 pretende impulsar a dinamización e competitividade da industria naval da provincia de Pontevedra transformando o seu tipo de modelo nun negocio 4.0". A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén apuntou que "este proxecto conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, dos cales o 70 % son aportados polo fondos europeos FEDER Espazo Atlántico".

Os obxectivos principais do proxecto IN 4.0 son: validar os problemas ou barreiras xa identificados que impiden ao sector naval a transformación do seu modelo de negocio en 4.0 e propoñer novas solucións; determinar o grao de maduración dás tecnoloxías existentes, susceptibles de ser implantadas nas pemes do sector; transformar os sistemas de organización do traballo, coñecemento e comercialización cara unha industria 4.0; capacitar ás traballadoras e traballadores do sector naval en novos  traballos e tarefas para transitar cara un modelo 4.0; deseñar estratexias innovadoras para economizar custos na implantación de tecnoloxías e detección de novos métodos de comercialización, e implementar na práctica as innovacións deseñadas no marco do proxecto nas pemes seleccionadas das rexións participantes no proxecto.

volver