COMUNICACIÓN > Noticias > Noticia

10 de setembro de 2019

Carmela Silva reivindica na inauguración de Mindtech que "as persoas teñen que seguir estando no centro da revolución tecnolóxica"

"Hoxe a industria enfróntase a innovacións continuas e neste século XXI temos que converternos en promotoras e promotores do coñecemento", destacou Silva

Mindtech

Dende hoxe e ata o próximo xoves a Deputación de Pontevedra ten un papel protagonista en Mindtech, a primeira edición da Metal Industry and Technologies International Trade Fair, promovida por ASIME (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia) no IFEVI de Vigo. Neste evento, referente industrial do polo ibérico, a institución provincial non so é un dos apoios máis importantes para a súa celebración, senón que, coa presenza de unha caseta informativa, está a dar a coñecer todos os proxectos que desenvolve, relacionados coas novas tecnoloxías, o emprendemento, a innovación, a empregabilidade e a dixitalización, para impulsar o tecido económico e industrial da provincia de Pontevedra.

A presidenta da Deputación, no acto inaugural, fixo fincapé na necesidade de sumar sinerxías entre o sector público e privado e impulsar políticas industriais que permitan adecuar a industria aos cambios. "Hoxe a industria enfróntase a innovacións continuas e neste século XXI temos que converternos en promotores e promotoras do coñecemento nunha revolución tecnolóxica que ten que ser humanista, que ten que seguir situando ás persoas no centro de todas as decisións", asegurou Carmela Silva.  Neste eido, a presidenta destacou o papel clave das traballadoras e traballadores, aos que cualificou como "elementos fundamentais desta transformación" e "parte desta nova economía da intelixencia e coñecemento".

Tamén aproveitou a ocasión Silva para poñer en valor o papel da cidade viguesa. Neste eido, a presidenta manifestou que "hoxe é un gran día para Vigo, un día no que o sector público e privado se unen para apoiar unha grande idea, Mindtech, que xa nos converte nunha referencia". Destacou o carácter industrial da cidade desde a civilización romana: "Vigo sempre estivo no centro da innovación, é unha cidade industrial e por iso esta grande idea do metal galego que é Mindtech tiña que nacer aquí". Ademais, Carmela Silva quixo felicitar a ASIME, promotora do evento, pola súa "capacidade transformadora para xerar economía e desenvolvemento partindo das premisas que sempre funcionaron desde o inicio da humanidade: o coñecemento, a intelixencia, a iniciativa e a capacidade para innovar" .

En Mindtech a Deputación de Pontevedra conta cunha caseta institucional informativa desde o que está a dar a coñecer os proxectos que desenvolve, en moitos casos en colaboración con Asime, para innovar o tecido económico e industrial da provincia de Pontevedra, como IN 4.0, "Adaptación do modelo da industria 4.0 ao sector da construción naval". A través deste proxecto preténdese mellorar a competitividade das empresas do naval a través da súa adaptación ao modelo produtivo que representa a industria 4.0, garantindo a continuidade do sector nun mercado cada vez máis esixente, onde a innovación é un factor clave. Ademais, a través da caseta tamén se está a divulgar a integración das tecnoloxías 4.0 nos servizos que a Deputación presta á cidadanía, ás empresas da súa área de influencia e ás e aos visitantes, así como a consecución dunha provincia máis sostible, como o proxecto relacionado coa Economía Baixa en Carbono, centrado na mellora da eficiencia enerxética dos concellos da provincia.

Tamén SmartPeme, dirixido a persoas emprendedoras, autónomas e pemes para asesorar de forma personalizada sobre o emprego das TIC para ser máis competitivas; o CPED ou Centro Provincial de Economía Dixital, situado no viveiro de Barro, ou TurisTIC, centrado en prestar asesoramento tecnolóxico especializado no eido turístico. Outros dos proxectos que se presenta é Tourist Inside Rías Baixas, que ten por obxectivo a transformación do destino provincia de Pontevedra nun destino turístico intelixente; o coworking de Barro, a través do que se está a impulsar o talento das persoas emprendedoras; ou Millenials, con accións formativas deseñadas e adaptadas ás necesidades da mocidade e do tecido empresarial da provincia.

Igualmente teñen presenza o proxecto Ti( C) EMPRENDES que ten por finalidade apoiar programas que aumenten a empregabildiade e o emprendemento das persoas novas que habiten en concellos de menos de 5.000 habitantes; "DepoEmprende na Escola", na FP e na ESO, que ten por obxectivo impulsar proxectos innovadores relacionados co emprendemento en centros educativos; ou os viveiros de empresas de Barro e Lalín.

Mindtech nace en Vigo da man de ASIME e con periodicidade bianual. O principal obxectivo do evento é amosar o potencial do sector metalúrxico galego no Polo Ibérico (España, Portugal e Marrocos). Deste xeito, en Mindtech exporase o último en tecnoloxías vinculadas á industria 4.0 a través dos seus máis de 200 expositores de diferentes países do mundo.

Volver