COMUNICAÇÃO > Notícias > Notícia

21 de novembro de 2017

A potencia do naval europeo dáse cita en Vigo na presentación de IN 4.0, o proxecto que lidera a Deputación para modernizar a industria marítima

Representantes do sector de España, Portugal, Irlanda, Francia e Reino Unido, socios da institución, asistiron ao lanzamento do proxecto que ten un orzamento de 2,5 millóns de euros

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o deputado de Cooperación, David Regades, presentaron esta mañá na sede de Metalships o IN 4.0, Intelligence Naval 4.0, o proxecto liderado polo Goberno provincial, cofinanciado por fondos europeos e que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros. A través desta actuación, que conta coa participación de socios de España, Portugal, Irlanda, Francia e Reino Unido que asistiron ao evento, preténdese adaptar o modelo de industria 4.0, a innovación e as novas tecnoloxías, ao sector da construción naval para impulsar o seu crecemento e posicionamento internacional.

O proxecto IN 4.0, en palabras de Silva, "permitirá adaptar a industria naval ás novas tecnoloxías 4.0 e convertelo nun sector máis competitivo, adaptado ao mundo global, innovador, cun novo modelo produtivo no que se redefinan as tarefas das persoas traballadoras e a súa capacitación profesional, reducindo custos na implantación das tecnoloxías e apostando por novos métodos de comercialización".

Carmela Silva amosou a súa "enorme satisfacción por acadar financiamento europeo para algo tan importante para a nosa economía como é o sector naval". Ao respecto, a presidenta da Deputación engadiu que "considero necesario que os recursos públicos se empreguen no desenvolvemento dos pobos, da economía, e por iso desde a institución provincial apostamos moi seriamente por impulsar proxectos que teñan por obxectivo acadar este desenvolvemento".

A presidenta provincial destacou que "nesta provincia tan industrializada precisamos da innovación permanente, da investigación, da incorporación das novas tecnoloxías para manter o noso poderío industrial e seguir sendo competitivos". Así, Silva recordou que "a crise económica nos ensinou que a industria é un piar fundamental para o desenvolvemento económico e social e, por isto, as administracións públicas debemos impulsar e dedicar os recursos públicos que xestionamos ao desenvolvemento industrial".

Tamén tivo palabras Silva para os socios do proxecto: Bretagne Pôle Naval, Cork Institute of Technology, Fórum Oceano-Associaçao da Economía do Mar; Asociación Cluster del Naval Gallego, University of Strathclyde, Foro Marítimo Vasco, Pôle de compétitivité EMC2, Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia e High Speed Sustainable Manufacturing Instsitute Ltd. Ao respecto, a presidenta provincial agradeceulles "a súa implicación e compromiso, a suma de sinerxías, de intelixencias e coñecemento para desenvolver este proxecto que vai permitir impulsar o sector naval para que siga sendo un sector produtivo fundamental, con capacidade para xerar desenvolvemento económico e emprego de calidade".

Pola súa banda, o alcalde de Vigo amosou a súa satisfacción porque "estamos presentando un proxecto europeo liderado desde a Deputación de Pontevedra e que marca claves internacionais en Europa en materia de tecnoloxías 4.0, de incorporar sinerxías tecnolóxicas no sector naval, un sector que ten que competir no mundo en condicións desiguais". Ao respecto, Caballero puxo en valor á institución provincial e ao proxecto IN 4.0, pola "súa capacidade de impulsar políticas industriais activas, centradas na innovación, modernización e novas tecnoloxías, para evitar estas desigualdades".

Tamén o deputado de Cooperación, David Regades, amosou a súa ledicia polo lanzamento do proxecto IN 4.0 que pon de manifesto a vontade do novo Goberno da Deputación de Pontevedra "de tender a man cara a economía, cara a industria e, neste caso, cara un dos piares económicos da cidade de Vigo como é o sector naval, apostando pola introdución da innovación, tecnoloxía e robótica para convertelo nun sector máis competitivo no mundo global".

Pola súa banda, as e os representantes das empresas, administracións, universidades e centros tecnolóxicos que participan como socios en IN 4.0 manifestaron a importancia europea deste proxecto e fixeron fincapé no papel que van desenvolver na súa posta en marcha, desde a realización de estudos a propostas de actuación coa finalidade de converter ao naval europeo nun sector cada vez máis competitivo.

O proxecto IN 4.0, cun orzamento de 2,5 millóns de euros, trátase dunha actuación cofinanciada polo Fondo Social Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa de Cooperación Transnacional Atlantic Area. Baixo o liderado da Deputación de Pontevedra e coa participación de 10 socios de España, Irlanda, Reino Unido, Portugal e Francia, o proxecto pretende mellorar a competitividade das empresas do naval adaptándoas ao modelo produtivo da industria 4.0 garantindo, así, o futuro do sector.

IN 4.0 pretende validar os principais problemas ou barreiras que impiden a transformación do modelo de negocio do sector naval en 4.0, propoñer novas solucións, mellorar os procesos produtivos, determinar o grao de maduración das tecnoloxías existentes, transformar os sistemas de organización do traballo, impulsar o coñecemento e a comercialización cara unha industria 4.0 así como capacitar ás persoas traballadoras do naval nos novos traballos e ou tarefas para transitar cara o 4.0.

Para acadar os seus obxectivos IN 4.0 propón a realización de catro accións principais denominadas IN Context (avaliación da situación actual das empresas do naval), IN Work & Training (definición de novas funcións e tarefas para os diferentes traballos así como accións de formación), IN Commercialization & Costs (identificación e desenvolvemento de novos métodos de comercialización no naval e novas estratexias para afrontar os custos na implementación de tecnoloxías) e IN Adaptation (asesoramento para a transformación do estado actual das empresas navais en empresas intelixentes).

Volte