QUE É IN 4.0
A. Descrición xeral
IN 4.0 ten como obxectivo mellorar a competitividade das empresas do sector naval a través da súa adaptación ao modelo produtivo que representa a industria 4.0, garantindo a continuidade do sector nun mercado cada vez máis esixente no que a innovación é un factor clave de posicionamento estratéxico.
Para iso, diagnosticaranse as principais barreiras que lle impiden ao sector adaptar o seu modelo de negocio, determinarase o grao de maduración das tecnoloxías existentes susceptibles de ser implantadas nas pemes, definiranse os sistemas de organización do traballo, capacitarase o persoal do sector para transitar cara ao 4.0, deseñaranse estratexias innovadoras para economizar custos na implantación de tecnoloxías, detectaranse novos métodos de comercialización e implementaranse as innovacións deseñadas en IN 4.0 nas pemes seleccionadas das rexións participantes.
B. Territorio de intervención
O programa INTERREG Espazo Atlántico cobre a parte occidental de Europa que bordea o océano Atlántico. Inclúe 37 rexións de cinco países: a parte occidental do Reino Unido, o norte e a parte máis occidental do sur de España, o oeste de Francia, Irlanda e Portugal.
As entidades asociadas ao proxecto representan os cinco países mencionados.
C. Obxectivos
Obxectivos específicos:
- Diagnosticar os principais problemas ou barreiras xa identificadas que lle impiden ao sector naval a transformación do seu modelo de negocio en 4.0 e propoñer novas solucións
- Determinar o grao de maduración das tecnoloxías existentes susceptibles de ser implantadas nas pemes do sector
- Transformar os sistemas de organización do traballo, coñecemento e comercialización cara a unha industria 4.0
- Capacitar as traballadoras e traballadores do sector naval en novos traballos e tarefas para transitar cara a un modelo 4.0
- Deseñar estratexias innovadoras para reducir custos na implantación de tecnoloxías e na detección de novos métodos de comercialización
- Implementar na práctica as innovacións deseñadas no marco do proxecto nas pemes seleccionadas das rexións participantes no proxecto
D. Plan de traballo
Son catro as actividades principais do proxecto:
- IN CONTEXT: é o punto de partida para a adaptación a un novo modelo produtivo en base aos últimos avances tecnolóxicos na materia, detectando innovación aplicable a tecnoloxías 4.0 relevantes para o naval
- IN WORK AND IN TRAINING: protocolo de redefinición de tarefas e de capacitación do persoal do sector
- IN COMMERCIALIZATION AND COSTS: redución dos custos na implantación de tecnoloxías e novos métodos de comercialización
- IN ADAPTATION: asesoramento para a transformación en empresas navais intelixentes