COMUNICACIÓN > Noticias > Noticia

13 de maio de 2019

O I Foro Internacional de Tecnoloxías 4.0 Aplicadas ao Sector Naval chega este martes ao Teatro Afundación de Vigo

A xornada está enmarcada no proxecto IN 4.0 que, liderado pola Deputación de Pontevedra, persegue a maior competitividade do sector mediante as novas tecnoloxías

I Foro Internacional de Tecnoloxías 4.0 Aplicadas ao Sector Naval

O Teatro Afundación de Vigo acollerá este martes, a partir das 9:15 horas, o I Foro Internacional de Tecnoloxías 4.0 Aplicadas ao Sector Naval, unha iniciativa na que se debaterá e analizará a implantación das novas tecnoloxías na industria naval para facela máis competitiva. Esta xornada está enmarcada no proxecto IN 4.0, liderado pola Deputación de Pontevedra, que ten por obxectivo que o sector naval se adapte ao novo modelo produtivo da industria 4.0 para que se poida integrar nun mercado no que a innovación é un factor clave. A xornada, á que asistirá a presidenta da Deputación, Carmela Silva, tamén está organizada pola Asociación de Industriais Metalúrxicas (ASIME) e do Clúster Naval de Galicia (ACLUNAGA).

No primeiro relatorio darán a benvida as institucións organizadoras. Despois, levarase a cabo a presentación dos resultados dun informe de diagnose sobre o estado de implantación da industria 4.0 nos países do arco atlántico europeo que integran o proxecto IN 4.0, que son Reino Unido, Francia, España, Irlanda e Portugal. Tras a súa análise, e despois da posta en marcha de 20 tecnoloxías diferentes no sector, pasarase a explicar as cinco seleccionadas polo seu nivel de maduración, considerado óptimo para comezar a aplicar na industria. Máis polo miúdo, trátanse de tecnoloxías como a visión artificial, a realidade aumentada, a monitorización, a robotización e as plataformas colaborativas.

Ademais, tal e como explicou a organización, antes da aplicación destas tecnoloxías é preciso analizar o impacto que poden ter sobre os postos de traballo, así como que tipo de adaptación se require para ese tipo de postos. Así mesmo, os resultados do informe de diagnose que se presentará durante a xornada serán o punto de partida para proxectos piloto.

volver