COMUNICACIÓN > Noticias > Noticia

22 de outubro de 2018

Carmela Silva presenta as novidades do proxecto europeo IN 4.0 no "Atlantic Area Annual Event"

IN 4.0 trátase dunha das dez iniciativas seleccionadas para participar no evento anual do Interreg que, este ano, está centrado na innovación azul como motor principal para o crecemento sustentable

Presentación novidades proxecto IN 4.0

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta tarde no Auditorio Mar de Vigo a "Atlantic Area Annual Event", o evento anual do Interreg, no que se deu a coñecer o proxecto europeo IN 4.0, que lidera a institución provincial e conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros. Este ano o encontro céntrase na innovación azul como motor principal para o crecemento sustentable na área atlántica, afondando nas claves da innovación da economía mariña, así como nas experiencias e boas prácticas desenvolvidas.

Para Silva, "que IN 4.0 poida estar aquí, entre outros dez proxectos, amosa a posición pioneira das iniciativas da Deputación a nivel europeo e mesmo internacional". Neste eido, a presidenta amosou a súa satisfacción porque "con proxectos como este demostramos que a Deputación de Pontevedra ten un firme compromiso cos sectores produtivos estratéxicos da nosa provincia, claves para o noso desenvolvemento económico, para a xeración de riqueza e creación de postos de traballo cualificados e de calidade".

En concreto, a través de IN 4.0 preténdese impulsar a dinamización e competitividade da industria naval da provincia de Pontevedra transformando o seu tipo de modelo nun negocio 4.0. Para elo, o proxecto conta con dez socios dos cales catro son españois, a Deputación de Pontevedra, Asime, Aclunaga e o Foro Marítimo Vasco; un de Portugal, Forum Océano; dous de Reino Unido, o Instituto de Investigación de Londres e o Departamento de Arquitectura Naval de Glasgow; dous franceses, o clúster do naval da Bretaña e o clúster industrial de Nantes, e un de Irlanda, o Instituto de Investigación de Cork.

Durante o "Atlantic Area Annual Evento" presentáronse algunhas das iniciativas que se están a desenvolver no marco do proxecto IN 4.0: IN 4.0 Connect. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra deu a coñecer a nova plataforma IN 4.0 ligada á páxina web do proxecto. "Trátase dunha ferramenta online que pretende servir como punto de encontro para empresas do sector naval e empresas xeradoras de tecnoloxías da industria 4.0, así como para entidades de I+D do espazo atlántico europeo", informou a presidenta. Neste eido, IN 4.0 Connect proporciona un mapeo das empresas e promove o intercambio de experiencias e o networking con outros sectores industriais a través da ferramenta Business Roaming, que aglutina a máis de 51 asociacións e clústeres empresariais de 29 países co obxectivo de apoiar ás pymes na súa internacionalización.

O naval trátase dun sector fundamental para a economía da provincia de Pontevedra e dos países do espazo atlántico. En Galicia hai 270 empresas traballando no sector naval o que representa o 60 % da construción e reparación naval en España. No caso da provincia de Pontevedra, este sector creou no 2016 1.000 postos de traballo e na actualidade lidera a demanda de pedidos de todo o país.

volver