COMUNICACIÓN > Noticias > Noticia

07 de maio de 2019

Carmela Silva destaca a necesidade de apostar pola innovación, as tecnoloxías e o coñecemento para incrementar a competitivade da industria naval

"Neste mundo global ou somos capaces de converter ao naval europeo nunha grande potencia en innovación e tecnoloxías ou perderemos o camiño do futuro"

Foro IN 4.0

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do secretario de ASIME, Enrique Mallón, e do xerente de ACLUNAGA, Óscar Gomez, presentaron esta mañá o I Foro Internacional de Tecnoloxías 4.0 Aplicables ao Sector Naval, enmarcado no proxecto IN 4.0 liderado pola Deputación de Pontevedra. O foro terá lugar o vindeiro martes de mañá no Teatro Afundación de Vigo e nel concentraranse expertas e expertos internacionais en visión artificial, realidade aumentada, monitorización, robotización e plataformas colaborativas.  

"Neste mundo global ou somos capaces de converter ao naval europeo nunha grande potencia en innovación e tecnoloxías ou perderemos o camiño do futuro", asegurou a presidenta provincial. Neste eido, Silva referiuse ao esforzo desenvolvido polas entidades socias do proxecto IN 4.0 (Foro Marítimo Vasco, o Forum Océano de Portugal, o Centro de Innovación Tecnolóxico de Cork en Irlanda, a Universidade de Strathclyde en Glasgow, o instituto tecnolóxico HSSMI de Londres e BPN e o Clúster Marítimo de Bretaña), procedentes de cinco países da Unión Europea, para traballar conxuntamente e sumar sinerxías para converter ao sector naval nunha industria máis competitiva.

Segundo a presidenta da Deputación, a industria naval da provincia de Pontevedra sitúase nunha "posición de referencia" pero tamén incidiu Silva na necesidade de apostar polas novas tecnoloxías para poder seguir manténdoa. "O naval trátase dun sector clave para a nosa economía e por iso debemos mirar cara adiante, apostar pola innovación, polas iniciativas tecnolóxicas 4.0 e capacitar de xeito urxente ás persoas traballadoras do naval nestas tecnoloxías. Non pode seguir acontecendo que haxa capacidade de xerar emprego, e de calidade, e non teñamos perfís profesionais cualificados", destacou a presidenta. Deste xeito, Carmela Silva, fixo fincapé na importancia do I Foro Internacional de Tecnoloxías 4.0 Aplicables ao Sector Naval para coñecer da man de persoas expertas a aplicación das novas tecnoloxías e poder así implantalas na industria naval da provincia.

A presidenta da Deputación enxalzou tamén o papel de ACLUNAGA e ASIME co sector naval xa que "non soamente se dedican a unha industria tan potente como é o naval, senón que teñen un firme compromiso coa nosa terra e coa nosa economía, apostando pola intelixencia e o coñecemento para ser máis competitivos".

Pola súa banda Enrique Mallón, de ASIME, afondou no I Foro Internacional de Tecnoloxías 4.0 Aplicables ao Sector Naval, destacando que nel se abordarán as tecnoloxías seleccionadas tralo proceso de investigación e diagnose sobre a implantación das tecnoloxías 4.0 no sector naval no arco atlántico. Así, este estudo, enmarcado tamén no proxecto IN 4.0, sacou á luz cinco tecnoloxías de interese para o sector como son a visión artificial, realidade aumentada, monitorización, robotización e plataformas colaborativas, que serán as protagonistas do foro do vindeiro martes. Para elo, segundo asegurou Mallón, "contaremos con persoas expertas a nivel internacional vencellados á industria 4.0 e tamén coas entidades socias e promotoras deste proxecto pertencentes a cinco países da Unión Europea (España, Portugal, Irlanda, Reino Unido e Francia)".

Ao igual que fixo a presidenta da Deputación, o secretario de ASIME destacou a necesidade de adoptar o modelo produtivo 4.0 na industria naval para garantir a continuidade do sector. "Sabemos que innovación vai ser o factor clave e, pese a que o sector naval está nun bo momento en Galicia, pensamos que debemos apostar pola tecnoloxía e competitividade".

O xerente de ACLUNAGA, Óscar Gómez, asegurou que "o sector naval precisaba un proxecto como o IN 4.0 desde fai moito tempo, precisabamos coñecer o impacto das tecnoloxías na industria naval e nas persoas que traballan nela e por iso quero agradecer o papel da Deputación de Pontevedra liderando esta iniciativa". Ademais, Gómez adiantou que tras este primeiro proceso de investigación "imos analizar nos postos de traballo o impacto das tecnoloxías e as necesidades de formación para poder adaptarnos a elas e incrementar a competitividade".

volver