COMUNICACIÓN > Noticias > Noticia

17 de novembro de 2020

A Deputación de Pontevedra lidera a reconversión tecnolóxica da industria naval da provincia a través do Proxecto Europeo IN 4.0

A deputada Ana María Mejías presentou nun fórum internacional exemplos de boas prácticas no uso das tecnoloxías, xurdidas en Galicia nos sectores da distribución alimentaria e a automoción

Imaxe de unha tablet cos poñentes da videoconferencia

Os 10 socios institucionais e sectoriais do proxecto europeo IN 4.0, liderado pola Deputación de Pontevedra e destinado á transformación dixital das industrias do naval, coñeceron hoxe de primeira man dúas experiencias de éxito no eido da comercialización e da produción da man do fórum organizado desde a institución provincial e que tivo lugar no marco da feira do mar Business2Sea, que se está a realizar en Portugal.

A deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial, Ana María Mejías, presentou a xornada, organizada en formato telemático, na que tiveron participación os cinco países do Arco Atlántico que se benefician deste proxecto, financiado con fondos do Programa Interreg Espazo Atlántico da Unión Europea. Durante a xuntanza tomaron a palabra Julio Simarro, director Comercial e de Márketing da distribuidora de alimentación Congalsa, e Joaquín Sierra, director de Proxectos Singulares do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) así como representantes doutras empresas europeas involucradas no proxecto.

Durante a súa presentación, Ana María Mejías, explicou que dentro de só 15 anos haberá escaseza de perfís técnicos a causa do avellentamento da poboación e destacou que o avance das tecnoloxías pon en risco os traballos repetitivos e pouco cualificados, principalmente no ciclo de produción, e unha maneira de conservar estes postos é mediante a formación en contidos 4.0, pois asegúrase que a industria naval galega manteña a súa competitividade no futuro. Adiantou que o sector debe prepararse para experimentar cambios importantes. O impulso á industria naval, explicou, virá da man de robots colaborativos, a realidade virtual e aumentada, o mantemento preditivo, a fabricación aditiva, os algoritmos avanzados, a internet das cousas, a intelixencia artificial, as conexións na nube, os xemelgos dixitais e a conectividade móbil de alta velocidade.

A deputada explicou que o proxecto IN4.0 naceu para mellorar a competitividade das empresas do sector naval a través da súa adaptación ao modelo produtivo que representa a industria 4.0, garantindo a continuidade do sector nun mercado cada vez máis esixente, onde a innovación é un factor clave de posicionamento estratéxico. Pola súa banda, o responsable técnico do proxecto na Deputación, Benjamín López, destacou a importancia de definir conxuntamente novas estratexias de innovación para industria contando coa participación dos diferentes sectores e creando unha rede de aprendizaxe mutuo que fortaleza o proxecto e o faga aínda máis útil para o sector da construción naval.

Esta iniciativa europea, centrada non só na produción, senón tamén en aspectos como o márketing ou a formación, conta cun orzamento global de 2.551.552 euros.

O proxecto, que lidera a Deputación, ten como socios a BPN (Bretagne Pôle Naval), CIT (Cork Institute of Tecnology), ao clúster do mar portugués (Fórum Oceano), ao clúster do naval galego (Aclunaga), á Universidade escocesa de Strathclyde, ao Foro Marítimo Vasco, á Plataforma Europea de Colaboración de Clústeres (EMC2 Pôle de Competitivité), á asociación de industrias do metal (ASIME) e á británica HSSMI (High Speed Sustainable Manufacturing Institute Ltd.).

volver